...::: Autores Galegos :::...
Benito Ramón Hermida y Maldonado
Santiago de Compostela (A Coruña) · 1736 - 1814
Xurista e político formado na Universidade de Santiago, Hermida y Maldonado ocupou altos cargos na Administración, participando activamente na vida social da súa época. Aínda que obtivo unha cátedra de ensino na Universidade Compostelá, preferiu dedicarse á xurisprudencia. Entre os cargos que ocupou neste campo estiveron os de oidor da Real Chancelería, o de rexente da Audiencia de Sevilla, e o de fiscal da Cámara no Real Consello a partir de 1808. Neste mesmo ano ocupou tamén o cargo de secretario de Estado no despacho de Graza e Xustiza, chegando a ser deputado por Galicia para as Cortes Xerais e Extraordinaria en 1810.
En 1811 publicou en Cádiz dous folletos de carácter político: un sobre os dereitos da princesa dona Carlota Joaquina de Borbón, e o outro en torno á Constitución do reino de Navarra.
Paradoxalmente, os seus derradeiros anos de existencia transcorreron case na indixencia. A Universidade de Santiago, que o tivo entre os seus fillos máis ilustres, dedicoulle un vítor, no que se eloxia a súa figura. O seu retrato permanece pendurado na Biblioteca Universitaria.