...::: Autores Galegos :::...
Alonso III de Fonseca
Santiago de Compostela (A Coruña) · 1476 - 1534
Fillo do arcebispo Alonso II de Fonseca “Patriarca de Alexandría” e de Dona María de Ulloa “Señora de Cambados”, este ilustre galego naceu en 1476 en Compostela. Estudou Teoloxía e Leis e en 1490 foi designado cóengo de Santiago. En 1506, coa licenza de Fernando V de Castela, o seu pai delegou nel o cargo arcebispal, un cargo que Fonseca III ocuparía ate 1524.
Home do Renacemento, culto e preocupado polas ciencias e artes, mentres estivo en posesión da mitra compostelá foi mecenas de numerosos artistas e pensadores do momento. Como seguidor do movemento humanista tivo contacto con Erasmo de Rotterdam ao que prestou a súa axuda económica en tempos difíciles.
Ese interese pola cultura converteríao no maior impulsor da Universidade de Santiago de Compostela, contribuíndo decisivamente á súa fundación. Así pois, mandou construír o Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca, un dos edificios máis emblemáticos da Universidade de Santiago, arredor do cal xirou toda a vida académica compostelá ate finais do século XVIII. Mostra da relevancia que tivo Alonso Fonseca para a USC son as cinco estrelas dos Fonseca que aparecen no escudo do centro de estudos.