...::: Autores Galegos :::...
Fray Antonio de Guevara
Treceno (Asturias de Santillana) · 1480 - 1545
Bispo, historiador e moralista deixou fonda pegada na historia de España e singularmente na de Mondoñedo. De orixe cántabra pasou á corte dos Reis Católicos con doce anos. Coincidindo coa morte da Raíña Isabel, decepcionado, decide abandonar a vida cortesá e ingresa na Orde Franciscana. Foi un dos máis altos mandatarios eclesiásticos, entre os seus cargos destacamos: Gardián dos Conventos de Ávila, Arévalo e Soria; Definidor Provincial, Predicador, Conselleiro e Cronista de Carlos V; Inquisidor de Valencia, Bispo de Guadix (1527) e logo de Mondoñedo (1537).
Interesouse polo ensino e a sanidade dotando aos centros destas institucións. No 1518 comeza a escribir Libro de Marco Aurelio. A clave do seu éxito atópase no seu estilo, a variedade dos temas, e na vasta cultura que foi atesourando co tempo. O feito de vivir a carón do Emperador máis poderoso da historia de España, dános unha idea do tipo de vida e relacións que mantivo. Parece ter influído no primeiro Barroco, e foi case tan admirado coma Cervantes.
Centrándonos na derradeira etapa da súa vida, que xira en torno ao Bispado de Mondoñedo, en maio de 1541 promulga as Constituciones Sinodales, documento de especial importancia para a historia da Igrexa mindoñense. Faleceu na súa diócese, e foi soterrado na Catedral.