...::: Autores Galegos :::...
Álvaro de Cadaval Valladares de Sotomayor (Cadaval Gravio Calydonio Tydense)
Tui (Pontevedra) · 15__ - 15__
Crese que Álvaro de Cadaval, autor de orixe fidalga, cursou os seus estudos en Santiago de Compostela. De feito, tense constancia de que acadou o grao de doutor no Colexio de Fonseca, chegando a ser o primeiro catedrático de Gramática desta Universidade. O seu carácter inquedo e curioso levouno a percorrer gran parte de Portugal, país no que contou con importantes apoios eclesiásticos. Alí foi o protexido de Rodrigo Piñeiro (bispo de Oporto) ou do Prior de Ocrato en Lisboa, quen sufragou en 1565 os gastos da impresión e da recompilación das súas obras.
Inspirado polo traballo do licenciado Molina, propuxo ao concello de Santiago a elaboración dun estudo titulado Descripción y Geografía de Galicia. A intención do autor era a de elaborar unha obra con información recollida de primeira man. Esta información obteríaa da viaxe que tiña pensado emprender por toda a xeografía galega na compaña de ilustradores e especialistas en distintas materias. Finalmente, o proxecto non foi aprobado.
No tocante aos seus escritos, Álvaro de Cadaval cultivou a prosa e o verso en castelán e en latín, demostrando ser un experto coñecedor desta última lingua. As súas obras foron asinadas co nome de Cadaval Gravio Calydonio Tydense.